O CEESG e o Sergas impulsan unha nova edición do Proxecto Aloumiños en Galicia

28 - 04 - 2026


O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) veñen de formalizar hoxe un novo convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha a edición deste ano do Proxecto Aloumiños, unha iniciativa dirixida á poboación adulta, con especial atención ás persoas maiores de 55 anos.

Tras a sinatura do acordo, ábrese agora a fase de posta en marcha do proxecto, que volverá centrarse na promoción de hábitos e contornas saudables, na creación de espazos de benestar e no fomento da calidade de vida, o apoio social e as relacións interpersoais. O proxecto continuará traballando co obxectivo de reducir os sentimentos de soidade, favorecer a adherencia aos tratamentos sanitarios e contribuír a un uso máis axeitado dos servizos de saúde, desde unha perspectiva comunitaria, participativa e transformadora.


Nesta edición, o Proxecto Aloumiños desenvolverase nas comarcas de Ordes, Ferrol/Ortegal, A Coruña/Ordes, Meira/Terra Cha e A Mariña central/Terra Cha.


Para o seu desenvolvemento, o CEESG contará cun equipo de educadoras e educadores sociais que se encargarán de implementar as accións socioeducativas nos territorios, partindo da Educación Social como ferramenta clave para promover o envellecemento activo e saudable.

O traballo socioeducativo neste ámbito continuará apostando pola mobilización dos activos comunitarios como recurso fundamental para o mantemento e mellora da saúde e do benestar, contribuíndo a fortalecer o tecido social e avanzar cara a un modelo de coidado máis humanizado, preventivo e centrado nas persoas.


Desde o Ceesg valoramos moi positivamente a continuidade desta colaboración institucional co Sergas, que reforza o papel da Educación Social como ámbito profesional esencial no traballo coas persoas maiores e na construción de comunidades máis saudables, inclusivas e cohesionadas.