Convocatoria SandBox Territorial Xurés 360

01 - 06 - 2026

A organización de Xurés 2026 abre unha convocatoria dirixida a iniciativas que queiran presentarse no SandBox Territorial Xurés 360. O SandBox será un espazo específico, dentro da variada programación do Xurés 2026, que pretende reunir á comunidade académica, profesional e territorial arredor dos grandes retos do rural, promovendo o diálogo entre universidade, administración, tecido social e sector produtivo. Considérase de especial interese facilitar a participación de organizacións, entidades e profesionais que queiran promocionar os seus programas e iniciativas.

A presente convocatoria pretende seleccionar proxectos e experiencias relevantes que contribúan á dinamización comunitaria, social e económica do rural, co obxectivo de visibilizar iniciativas innovadoras, sostibles e transferibles ao territorio. Os proxectos seleccionados disporán dun espazo expositivo e terán a posibilidade de difundir as súas propostas entre o numeroso público que acode ao Xurés 2026, favorecendo o contacto directo con outros actores de interese e dinamizando a configuración de redes. A actividade de exposición celebrarase na tarde do 26 de setembro.

Terán prioridade aquelas iniciativas que...

·         Poidan ser consideradas boas prácticas.

·         Presenten impacto na dinamización comunitaria e social do rural.

·         Incorporen enfoques de innovación social, participación, sostibilidade ou resiliencia territorial.

·         Sexan experiencias replicables ou transferibles a outros contextos rurais.


Formato de participación

As iniciativas seleccionadas disporán de:

·         Un espazo expositivo durante a tarde do 26 de setembro (stand de 3x3 m.)

·         Apoio da organización para a súa visibilidade dentro do programa Xurés 2026.


Presentación de candidaturas

As entidades e proxectos interesados deberán enviar unha breve descrición da iniciativa e os datos de contacto ao correo electrónico formacion@ceesg.gal.


O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de xuño.