O CEESG presenta un novo escrito tras a corrección da resolución de elección de destinos

16 - 07 - 2026

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) presentou un novo escrito dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal despois da publicación da corrección da Resolución de elección de destino definitivo no DOG do 14 de xullo.

A semana pasada, tras a publicación da resolución inicial (DOG do 7 de xullo), o CEESG xa solicitara a revisión da oferta de postos ao detectar a exclusión de prazas estruturais da especialidade de Educación Social. Porén, a modificación publicada o pasado 14 de xullo elimina da especialidade de Educación Social a totalidade dos postos que na resolución inicial aparecían na lista de destinos tanto para o persoal de Educación Social como de Traballo Social, adscribíndoos exclusivamente a esta última especialidade.

Esta decisión impide que as persoas que accederon á especialidade de Educación Social poidan optar a postos que, en moitos casos, veñen sendo desempeñados desde hai anos por profesionais con esta titulación. Ademais, supón un grave prexuízo para o persoal que ocupa actualmente eses postos, ao que accedeu coa titulación de Educación Social e que, tras anos desempeñando esas funcións, ve agora negada a posibilidade de elixilos como destino definitivo.

No novo escrito, o CEESG solicita a revisión desta decisión e reclama que a configuración dos postos responda ás funcións efectivamente desenvolvidas e á traxectoria da súa provisión, garantindo unha planificación coherente dos recursos humanos e a adecuada presenza da Educación Social no Sistema Público de Servizos Sociais.

O CEESG anima ás persoas afectadas a presentar tamén o seu propio escrito. Para facilitar este trámite, poñemos á súa disposición un modelo dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, co fin de sumar voces na defensa dos seus dereitos e reclamar a revisión desta decisión.