O CEESG reclama que a infancia migrante non sexa refén da estratexia política

17 - 09 - 2026

 As infancias non poden ser reféns da estratexia política


O CEESG reclama que os dereitos da infancia migrante prevalezan sobre os intereses partidarios e alerta do perigo dos discursos de odio para a democracia


Santiago de Compostela,17 setembro de 2026.

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) expresa a súa fonda preocupación pola situación que están a afrontar centos de nenos, nenas e adolescentes migrantes en Ceuta e pola deriva política e social que está a marcar o debate arredor da súa protección. A realidade migratoria que afecta a Ceuta é complexa e está condicionada por factores xeopolíticos, económicos, sociais e humanitarios que requiren respostas responsables, coordinadas e fundamentadas nos dereitos humanos. As situacións de crise non poden utilizarse como xustificación para cuestionar ou limitar os dereitos da infancia. 

A protección da infancia é unha obriga legal e democrática. O CEESG recorda que os nenos, nenas e adolescentes son titulares plenos de dereitos e que o interese superior do menor debe constituír a prioridade en todas as decisións que lles afecten, tal e como recollen a Convención sobre os Dereitos do Neno, a lexislación española e os principais instrumentos internacionais de protección da infancia. O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia considera preocupante que cuestións relacionadas coa confrontación institucional, os intereses partidarios ou os cálculos electorais poidan estar condicionando a adopción de decisións sobre a atención e protección desta infancia. As infancias non poden converterse en moeda de cambio nin en pezas dentro dunha estratexia política. O CEESG amosa a súa preocupación ante as dificultades para habilitar solucións de acollemento e derivación que permitan garantir unha atención adecuada aos menores migrantes, así como ante as posicións de determinadas administracións que rexeitan asumir corresponsabilidades na súa protección. Resulta inaceptable que os dereitos da infancia poidan quedar subordinados a intereses políticos ou territoriais. A fortaleza dunha democracia mídese precisamente pola súa capacidade para garantir dereitos nos momentos de maior dificultade. Consideramos moi grave a utilización das persoas migrantes como instrumentos de presión política ou xeopolítica. Ningún conflito institucional pode situarse por enriba da dignidade humana nin dos dereitos fundamentais.

O CEESG manifesta a súa preocupación polo crecente protagonismo de mensaxes e narrativas que estigmatizan ás persoas migrantes.  Conceptos como “avalancha”, “oleada” ou “invasión” contribúen a construír unha visión deshumanizada da migración, reducindo persoas con historias, necesidades e dereitos a categorías abstractas asociadas á ameaza e ao medo. O CEESG advirte de que os discursos baseados na exclusión, na estigmatización e na difusión de prexuízos non poden ser considerados unha posición política máis dentro dun sistema democrático, xa que cuestionan principios esenciais como a igualdade, a dignidade humana e a universalidade dos dereitos. Cando se acepta que determinados colectivos merecen menos protección ou menos dereitos, estanse debilitando os propios alicerces do Estado de Dereito.

O CEESG fai un chamamento ás administracións públicas para que actúen desde a cooperación institucional, a corresponsabilidade e o respecto escrupuloso aos dereitos humanos, garantindo recursos suficientes para atender e protexer a infancia migrante e promovendo mecanismos de solidariedade entre territorios. Apelamos aos medios de comunicación e á cidadanía para contribuíren a un debate público rigoroso e responsable, baseado en información contrastada, afastado da desinformación, dos bulos e da instrumentalización do sufrimento humano.

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos, a xustiza social e a protección da infancia e da adolescencia, especialmente das persoas que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade. Ningunha crise, ningunha fronteira e ningún acordo político poden situarse por enriba dos dereitos dos nenos e das nenas. A calidade democrática dunha sociedade mídese por como se respectan os dereitos das persoas e se aceptan as diversidades, así como pola forma na que se protexe ás persoas máis vulnerables.

Hoxe, máis que nunca, é necesario lembrar que as infancias non poden ser reféns da estratexia política.