Xornada de Transferencia «Da evidencia á acción: Boas prácticas na inclusión académica de alumnado con expediente administrativo de protección»

03 - 11 - 2026

O vindeiro 17 de novembro, a Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, acollerá a Xornada de Transferencia «Da evidencia á acción: Boas prácticas na inclusión académica de alumnado con expediente administrativo de protección. O Programa PIAS».

Esta iniciativa nace co propósito de crear un espazo de encontro e reflexión entre profesionais, administracións públicas, entidades sociais, persoal investigador e outros axentes implicados na protección e no acompañamento da infancia e da adolescencia.

A xornada pretende compartir coñecemento, achegar evidencias científicas e promover o debate arredor das estratexias que contribúen a favorecer a inclusión académica do alumnado que conta con medidas administrativas de protección, avanzando cara a respostas socioeducativas máis eficaces e adaptadas ás súas necesidades.


Programa da xornada

A actividade desenvolverase ao longo da mañá coa participación de profesionais e persoas expertas no ámbito da inclusión e da intervención socioeducativa.

  • 9.30 h | Inauguración
    • Montserrat Cruz, vicerreitora do Campus de Ourense.
    • Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social.
    • Inés Salteiro, directora da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG).
    • Representante da Xunta de Galicia (por confirmar).
  • 9.45 h | Éxito escolar en contextos de vulnerabilidade: aprendizaxes e desafíos
    • Carlos Rosón, director de IGAXES e vicepresidente de Jóvenes e Inclusión.
    • Presenta: representante da Xunta de Galicia.
  • 10.45 h | Presentación do Programa PIAS. Da evidencia científica a unha proposta operativa para o acompañamento socioeducativo con alumnado en dificultade social
    • Deibe Fernández Simo, Universidade de Vigo.
  • 11.30 h | Café-diálogo
  • 12.00 h | Relatorio participativo: Oportunidades, fortalezas e limitacións na definición de estratexias eficaces para a inclusión académica do alumnado con medida administrativa de protección
    • Modera: Raquel Rey, directora da Área de Atención á Diversidade da Universidade de Vigo, e Julio Barreiro, secretario da POIG.
  • 13.30 h | Peche da xornada

Inscrición aberta ata o 13 de novembro

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición ata o 13 de novembro a través do seguinte formulario:

FORMULARIO DE INSCRICIÓN


Un compromiso compartido coa inclusión socioeducativa

Desde o  CEESG colaboramos nesta iniciativa xunto coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), co apoio económico da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Esta xornada representa unha oportunidade para fortalecer a colaboración entre os distintos axentes implicados na protección da infancia e da adolescencia, poñer en valor o coñecemento e a práctica profesional e seguir construíndo oportunidades para a mocidade en situación de especial vulnerabilidade.

Animamos as persoas colexiadas, profesionais da educación social e todas as persoas e entidades interesadas a participar e contribuír a este espazo de encontro e transferencia de coñecemento.