Caderno temático 4: Políticas culturais e creación artística a nivel local
Autor/es: HÉCTOR M. POSE E MANUEL P. RÚA (COORD.); RITA GRADAÍLLE PERNAS, ANXEL HUETE VALES, JESÚS IRISARRI CASTRO, BALDO MARTÍNEZ CAMPOY, PABLO MONTERO SOUTO, MANUEL F. VIEITES
Editorial: DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA
Data Publicación: 2007
Referencia: AS-POS-CAD (2)
Idioma: Galego
Tipo: Libro
142 páx.
Cos
textos aquí reunidos pretendemos contribuír a mellorar os procedementos
de reflexión da acción política local. Un exercicio de goberno que
adoita estar dominado polo inmediato, a chamada tiranía do presente,
mais tamén pola inercia administrativa, a desatención do matiz, a falla
de proximidade nas políticas, a carencia da experimentación e a coraxe
política por innovar, etc. Estimular a creatividade, a expresividade, a
espontaneidade, a inventiva; o favorecer o desenvolvemento da capacidade
de simbolización das persoas e das comunidades a través dos múltiples
medios artísticos; a distensión por medio da contemplación ; a
comunicación non só a través da palabra; o encontro con outros coas
mesmas inquedanzas e incertezas; o por de manifesto as plusvalías dun
patrimonio cultural herdado e actual..., son, con certeza, obxectivos
que toda política cultural moderna debe procurar.
Somos conscientes que ditas metas e contidos de programas, iniciativas e
actividades dende as administracións locais non son o único e
prioritario quefacer dos concellos. Insistimos unha e outra vez tanto na
oportunidade de atender as carencias básicas da poboación en materia de
acceso e protagonismo cultural como na defensa de consensuar liñas
estratéxicas e compartir os esforzos e os recursos con aqueles outros
axentes socioculturais que inciden nun mesmo territorio. De aí que
convidaramos a diversos creadores a plasmar tanto os seus discursos,
como as súas posturas e experiencias de interese ao respecto do tema
tratado na elaboración do presente Caderno.
Este convite ao diálogo entre diversos sectores sociais con interese na
Administración Pública Local, ten como resultado visible disparidade de
estilos, opinións e de posibilidades de ir a brindo illas de
creatividade nos concellos dende o risco e a innovación política. Co
mesmo compromiso co que defendemos e formulamos as nosas ideas dende o
equipo científico interuniversitario, tratamos de ser consecuentes e
favorecemos a expresión e a difusión doutras voces e protagonistas. Unha
postura que cremos queda clara no desenvolvemento do proxecto interea
dende o seu inicio.
Unha primeira e ampla parte de aproximacións teóricas ao tema en
cuestión dende o punto de vista de diversos autores que tenta amasar a
pluralidade de enfoques sobre a creatividade e o apoio aos creadores.
Posteriormente, preséntanse polo miúdo unha escolma de boas prácticas xa
desenvolvidas por outras administracións públicas, entidades de base,
institucións e empresas privadas tanto en Galicia como noutros puntos da
xeografía española e europea. Por último, disporá o lector duns
referentes documentais e bibliográficos que lle axuden na tarefa de
ampliar os coñecementos arredor tanto doutras experiencias como do tema
en si.