12 aniversario de Fiadeiras

15 - 09 - 2023

Fiadeiras, o grupo de traballo sobre Feminismos do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia (CEESG) conmemora o seu 12º aniversario.

 

En Fiadeiras levamos 12 anos reivindicando que xa é hora de que a educación social poña as lentes violeta, con iso referímonos a que como profesionais deberiamos ver e tratar o mundo cunha mirada máis crítica desde o punto de vista do xénero, co fin de identificar as desigualdades existentes entre as mulleres e os homes no quefacer do noso día a día.


Cando no eido persoal e profesional tomas conciencia destas desigualdades, xa nada é igual. A partir dese momento, es consciente das situacións inxustas e discriminatorias. Ademais, estas lentes axúdannos a rescatar situacións vividas no pasado e a velas e analizalas coa nova mirada violeta.

 

Como profesionais da educación social, temos a responsabilidade de que os nosos acompañamentos produzan un verdadeiro impacto social e para iso faise necesario analizar a realidade na que imos intervir tendo en conta todas as súas protagonistas. E unha vez que identificamos a situación e somos conscientes dela, como podemos intervir?

 

Para intentar darlle resposta a esta cuestión as Fiadeiras vimos traballando desde o ano 2020 na redacción da publicación: Son de Fiar. Incorporación da perspectiva feminista. Trátase dunha achega pedagóxica cunha clara vontade didáctica. Un material que pode ser empregado no traballo diario docente dos centros educativos, en formacións ocupacionais e noutros espazos de intervención social.

 

Situámonos ante unha proposta socioeducativa que parte da educación social e achega unha mirada crítica respecto da propia educación social, co fin de acadar o que queremos: unha educación social feminista. Neste contexto, a implicación individual resulta fundamental, motivo polo que este material se caracteriza pola súa metodoloxía práctica, activa, participativa e dinámica. Abrangue un abano diverso de actividades que requiren de técnicas concretas, como exposición de ideas, dinámicas de reflexión individual, coñecemento, confianza, audios, vídeos, música, etc.

 

A partir de hoxe, 16 de setembro, teredes o libro: Son de Fiar. Incorporación da perspectiva feminista á venda na tenda do Ceesg.

 

Agradecidas da colaboración e sororidade de todas as persoas e entidades que nestes 12 anos compartiron e teceron redes con nós e que permitiron mellorar o traballo en igualdade que hai séculos iniciaron outras compañeiras dende o feminismo.


Somos conscientes de que, como feministas, o reinventarse é constante. É o gran reto das feministas pero tamén é o que fixo e fai dos feminismos o movemento social máis radical e revolucionario das últimas décadas.

Grazas por compartir un ano máis con Fiadeiras Ceesg.