EDITA: Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg)
AUTORÍA: FIADEIRAS, Grupo de Traballo en igualdade e feminismos do Ceesg.
DESEÑA E MAQUETA: Marta Conde Domínguez. conxenia.gal
REVISIÓN LINGÜÍSTICA: Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xunta de Galicia.
------------------------------------------------
As educadoras e educadores sociais atopámonos nunha posición favorable para reducir situacións de desigualdade de xénero. A nosa capacitación para traballar no acompañamento individual desde o contexto comunitario supón unha extraordinaria posibilidade de socialización en igualdade para toda a cidadanía.
Son de Fiar, é unha achega pedagóxica cunha clara vontade didáctica. Un material que pode ser empregado no traballo diario docente dos centros educativos, en formacións ocupacionais e noutros espazos de intervención social.
Situámonos ante unha proposta socioeducativa que parte da educación social e achega unha mirada crítica respecto da propia educación social, co fin de acadar o que queremos: unha educación social feminista. Neste contexto, a implicación individual resulta fundamental, motivo polo que este material se caracteriza pola súa metodoloxía práctica, activa, participativa e dinámica. Abrangue un abano diverso de actividades que requiren de técnicas concretas, como exposición de ideas, dinámicas de reflexión individual, coñecemento, confianza, audios, vídeos, música, etc.
Todas elas contribuirán a traballar o cambio de actitudes e a abordaxe dos temas desde diferentes planos —intelectual, emocional e corporal— para potenciar o desenvolvemento integral das persoas que acompañamos.
Para poder seguir o fío, a publicación divídese en 7 retallos:
§ 1.º retallo: Nomeando. O que non se nomea non existe
§ 2.º retallo: Visibilizando. Quen é quen?
§ 3.º retallo: Denunciando. Machismos, de micro, nada
§ 4.º retallo: Posicionando. Posturas ante a vida
§ 5.º retallo: Actuando. Decálogo de boas prácticas na intervención socioeducativa
§ 6.º retallo: Avaliando. Aprendizaxe continua
§ 7.º retallo: Coidando. Coidado propio na intervención socioeducativa
§ Bibliografía
Cada retallo conta cunha
estrutura concreta:
Comeza a fiar. Introdución a cada un dos retallos, que convida á reflexión e/ou ofrece un marco teórico da temática en cuestión.
Colle o punto. Dinámicas que pretenden ser o punto de partida para a reflexión e o debate arredor de cada un dos temas formulados.
Para seguir fiando. Recursos e ferramentas que favorecerán a continuidade da busca sobre cada un dos temas.
Fío musical. É un enlace musical relacionado coa temática e que conectará coa nosa parte máis emocional e artística.