O Ceesg e o Sergas levan a cabo o proxecto Aloumiños

23 - 08 - 2024

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e o Sergas asinamos recentemente un convenio a través do cal se está desenvolvendo o proxecto Aloumiños.

Trátase dunha iniciativa dirixida á poboación adulta, especialmente maiores de 55 anos, para a promoción de hábitos e contornas saudables, a través do cal se crearán espazos de benestar, buscando, entre outros beneficios, o aumento da calidade de vida e o benestar asociado ás relacións interpersoais e o apoio social, a diminución dos sentimentos de soidade, a mellor adherencia aos tratamentos así como unha menor frecuentación dos servizos sanitarios.

O proxecto Aloumiños é unha proposta que busca fortalecer o tecido social mediante dinamización e intervención sociocomunitaria cun enfoque transversal, interseccional, participativo, reflexivo e transformador.

Este proxecto pretende, incidir na promoción do envellecemento activo e saudable, para o mantemento e a promoción da saúde e o benestar, empregando como recurso esencial os propios activos da comunidade coa que se traballa.

Para levar a cabo este proxecto o Ceesg contratou un equipo de seis educadoras sociais que o están desenvolvendo nos concellos de Cerceda, Ordes, Tordoia, Ponteareas, As Pontes de García Rodríguez, A Laracha, Neda, San Sadurniño, Mesía, Carral, Abegondo, Carballo e Coristanco.

O Proxecto Aloumiños forma parte das actividades financiadas polo Ministerio de Sanidad no exercicio 2023.