O Ceesg e o Sergas levan a cabo o proxecto Aloumiños
O Colexio de
Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e o Sergas asinamos recentemente un
convenio a través do cal se está desenvolvendo o proxecto Aloumiños.
Trátase dunha
iniciativa dirixida á poboación adulta, especialmente maiores de 55 anos, para
a promoción de hábitos e contornas saudables, a través do cal se crearán
espazos de benestar, buscando, entre outros beneficios, o aumento da calidade
de vida e o benestar asociado ás relacións interpersoais e o apoio social, a
diminución dos sentimentos de soidade, a mellor adherencia aos tratamentos así
como unha menor frecuentación dos servizos sanitarios.
O proxecto
Aloumiños é unha proposta que busca fortalecer o tecido social mediante
dinamización e intervención sociocomunitaria cun enfoque transversal,
interseccional, participativo, reflexivo e transformador.
Este proxecto
pretende, incidir na promoción do envellecemento activo e saudable, para o
mantemento e a promoción da saúde e o benestar, empregando como recurso
esencial os propios activos da comunidade coa que se traballa.
Para levar a cabo
este proxecto o Ceesg contratou un equipo de seis educadoras sociais que o están desenvolvendo
nos concellos de Cerceda, Ordes, Tordoia, Ponteareas, As Pontes de García
Rodríguez, A Laracha, Neda, San Sadurniño, Mesía, Carral, Abegondo, Carballo e
Coristanco.
O Proxecto
Aloumiños forma parte das actividades financiadas polo Ministerio de Sanidad no
exercicio 2023.