Concentración 18 de novembro
ANUNCIO IMPORTANTE!
O vindeiro 18 de novembro, concentración fronte ao Parlamento de Galicia.
Lugar: Rúa Hórreo, 63, Santiago de Compostela.
Hora: 11:00 h.
Lema: Educación Social é a nosa profesión.
O Parlamento de Galicia está ao lado da Estación Intermodal de Santiago. Ademais, estudaremos a posibilidade de poñer autobuses gratuítos dende localidades que reunan suficiente número de asistentes (información ao final).
A continuación facemos un breve repaso das accións mantidas este ano en relación á situación da especialidade “Educación Social” na Xunta de Galicia.
Febreiro de 2024. O Director Xeral de Función Pública comprométese -e fai constar por escrito- a iniciar trámites para a modificación da Lei de Emprego Público a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que se tramita a finais de cada ano xunto cos Orzamentos da comunidade autónoma.
Abril 2024. Tras cambio na titularidade da Dirección Xeral, mantemos reunión coa nova Directora Xeral de Emprego Público para informar do asunto, facilitándolle documentación complementaria.
En diferentes datas durante os últimos meses, mantemos contacto tamén cos sindicatos CIG, CCOO e UXT, amosanto todos eles apoio ao cambio que solicitamos.
19 de outubro 2024. Publícase o Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, sen contemplar as modificacións acordadas.
22 de outubro 2024. Nova xuntanza coa Directora Xeral de Emprego Público, na que confirma que non ten intención de introducir as modificacións solicitadas.
Novembro 2024. Ante a falta de compromiso da Dirección Xeral, mantemos xuntanzas por separado cos Grupos Parlamentarios Popular, Socialista e BNG. Os grupos Socialista e BNG comprométense a presentar emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas.
A Lei está agora en trámite parlamentario. O vindeiro 18 de novembro terá lugar o Pleno de debate á totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para 2025, á que vai ligada a Lei de medidas fiscais e administrativas.
E nesta data queremos facernos ver, diante do Parlamento de Galicia, para poñer de manifesto a indignación que sentimos ante a falta de compromiso e ante unha irregularidade que se alonga durante demasiado tempo e que noutras comunidades autónomas xa se ten atallado dende hai anos.
Xa é hora de que a Educación Social teña o recoñecemento e respecto que merece. E de que a Xunta de Galicia cumpra co prometido.
Non faltes!
Que reclamamos?
Que se actualice a Lei 2/2015, de Emprego Público de Galicia, para que estableza como única titulación de acceso á especialidade “Educador/a Social” a o título universitario de Educación Social (Diplomatura ou Grao).
Actualmente admítense tamén as titulacións de Mestra/e ou grao de Educación Primaria, Licenciada/o en Pedagoxía, Psicoloxía ou Psicopedagoxía, ou primeiro ciclo da titulación de Psicoloxía ou Pedagoxía, ou graduada/o nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores. Esta situación, herdada dos tempos nos que non existía a titulación universitaria de Educación Social (hai máis de 30 anos) hoxe en día é unha situación totalmente anómala e anacrónica.
É necesario adaptar as categorías profesionais á realidade académica. A persistencia desta situación supón un desprezo e menoscabo cara a profesión e cara as profesionais de Educación Social. Ademais, é tamén un factor que incide negativamente na calidade dos servizos socioeducativos e no dereito da cidadanía a recibir unha atención especializada. A titulación de Educación Social creouse porque había unha necesidade de especialización profesional que non tiña reflexo no ámbito académico; polo tanto non ten sentido que despois de implantados os estudos universitarios non se adapten as categorías profesionais.
Desprazamento en autobús
Se reunimos persoas suficientes, alugaremos un servizo de autobuses para achegarnos dende diferentes localidades.
Se che interesa, anótate a través deste formulario entre hoxe e o mércores 13 de novembro.
Este xoves 14 de novembro confirmaremos vía email se hai autobús ou non dende a localidade que indiques.
Agardámoste!