Novas concentracións 9 de novembro: Ourense, Santiago, A Coruña

03 - 12 - 2024

 

Tras ternos manifestado ante o Parlamento de Galicia, convócanse desta volta concentracións en diferentes localidades, co mesmo lema, para seguir chamando a atención sobre a necesidade de dignificar a situación da profesión de Educación Social na Xunta de Galicia.

Lugares:
Ourense. Diante da delegación da Xunta. Adva. La Habana, 79 (Casa de chocolate)
A Coruña. Diante do delegación da Xunta. R/ Vicente Ferrer, 2 (Edificio Monelos)
Santiago. Nos xardíns diante da Xunta. San Caetano, s/n.


Hora: 19:00 h.


Lema: Educación Social é a nosa profesión.

Que reclamamos?

Que se actualice a Lei 2/2015, de Emprego Público de Galicia, para que estableza como única titulación de acceso á especialidade “Educador/a Social” a o título universitario de Educación Social (Diplomatura ou Grao).

Actualmente admítense tamén as titulacións de Mestra/e ou grao de Educación Primaria, Licenciada/o en Pedagoxía, Psicoloxía ou Psicopedagoxía, ou primeiro ciclo da titulación de Psicoloxía ou Pedagoxía, ou graduada/o nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores. Esta situación, herdada dos tempos nos que non existía a titulación universitaria de Educación Social (hai máis de 30 anos) hoxe en día é unha situación totalmente anómala e anacrónica.

É necesario adaptar as categorías profesionais á realidade académica. A persistencia desta situación supón un desprezo e menoscabo cara a profesión e cara as profesionais de Educación Social. Ademais, é tamén un factor que incide negativamente na calidade dos servizos socioeducativos e no dereito da cidadanía a recibir unha atención especializada. A titulación de Educación Social creouse porque había unha necesidade de especialización profesional que non tiña reflexo no ámbito académico; polo tanto non ten sentido que despois de implantados os estudos universitarios non se adapten as categorías profesionais.


A continuación facemos un breve repaso das accións mantidas este ano en relación á situación da especialidade “Educación Social” na Xunta de Galicia.

  • Febreiro de 2024. O Director Xeral de Función Pública comprométese -e fai constar por escrito- a iniciar trámites para a modificación da Lei de Emprego Público a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que se tramita a finais de cada ano xunto cos Orzamentos da comunidade autónoma.

  • Abril 2024. Tras cambio na titularidade da Dirección Xeral, mantemos reunión coa nova Directora Xeral de Emprego Público para informar do asunto, facilitándolle documentación complementaria.

  • En diferentes datas durante os últimos meses, mantemos contacto tamén cos sindicatos CIG, CCOO e UXT, amosanto todos eles apoio ao cambio que solicitamos.

  • 19 de outubro 2024. Publícase o Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, sen contemplar as modificacións acordadas.

  • 22 de outubro 2024. Nova xuntanza coa Directora Xeral de Emprego Público, na que confirma que non ten intención de introducir as modificacións solicitadas.

  • Novembro 2024. Ante a falta de compromiso da Dirección Xeral, mantemos xuntanzas por separado cos Grupos Parlamentarios Popular, Socialista e BNG. Os grupos Socialista e BNG presentaron emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas para modificar.

O pasado 18 de novembro tivo lugar o Pleno de debate á totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para 2025, á que vai ligada a Lei de medidas fiscais e administrativas. Agora continúa en trámite parlamentario, e queremos facernos ver e oir unha vez máis nas rúas, para poñer de manifesto a indignación que sentimos ante a falta de compromiso e ante unha irregularidade que se alonga durante demasiado tempo e que noutras comunidades autónomas xa se ten atallado dende hai anos.

Xa é hora de que a Educación Social teña o recoñecemento e respecto que merece. E de que a Xunta de Galicia cumpra co prometido.

Non faltes!

Recorda que a estas accións sumamos tamén as reclamacións individuais. Podes presentar en calquera rexistro da Xunta, dirixido á Presidencia, unha petición individual. 
Máis información aquí.