O Ceesg e o Sergas colaborarán no desenvolvemento do Proxecto Aloumiños
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) veñen de formalizar un convenio de colaboración que permitirá desenvolver ao longo do ano 2025 o Proxecto Aloumiños, unha iniciativa dirixida á poboación adulta, especialmente ás persoas maiores de 55 anos.
Este proxecto ten como obxectivo promover hábitos e contornas saudables, crear espazos de benestar e fomentar a calidade de vida, o apoio social e as relacións interpersoais. Así mesmo, busca reducir sentimentos de soidade, favorecer a adherencia aos tratamentos sanitarios e diminuír a frecuentación dos servizos de saúde. Trátase dunha acción comunitaria cun enfoque transversal, interseccional, participativo, reflexivo e transformador.
Para o seu desenvolvemento, o Ceesg conta cun equipo de educadoras sociais que están a implementar o proxecto en diversos concellos de Galicia, mediante accións que parten da Educación Social como ferramenta esencial para promover o envellecemento activo e saudable. O traballo socioeducativo neste ámbito aposta pola mobilización dos activos comunitarios como recurso fundamental para o mantemento e mellora da saúde e o benestar, permitindo así mellorar a calidade de vida, fortalecer o tecido social e contribuír á construción dun modelo de coidado máis humanizado, preventivo e centrado na persoa. Trátase dunha mostra do impacto positivo que a Educación Social pode ter na promoción da saúde comunitaria e na creación de contornos máis cohesionados e saudables.
Desde o Ceesg valoramos moi positivamente esta colaboración institucional co Sergas, que reafirma o papel da Educación Social como área profesional clave no traballo con persoas maiores e na construción de contornos sociais máis saudables, inclusivos e cohesionados.