Comunicado sobre a situación da Educación Social en Asturias

20 - 05 - 2026

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) manifesta o seu apoio ao Colexio Profesional da Educación Social do Principado de Asturias (COPESPA) ante a situación xerada en relación coa convocatoria de prazas de Titulado/a de Grao Medio (Educador/a) publicada no BOPA n.º 77, do 23 de abril de 2026, na que non se esixe de forma específica a titulación universitaria en Educación Social. 

A Educación Social é unha profesión específica, sustentada nunha formación universitaria propia, imprescindible para garantir unha acción socioeducativa de calidade, ética e axustada ás necesidades da cidadanía. Neste sentido, a Lei do Principado de Asturias 2/2023, do 15 de marzo, de Emprego Público, recoñece expresamente a relevancia da profesión ao crear o Corpo de Educación Social e vincular o seu acceso á titulación universitaria coa mesma denominación. 

A falta de correspondencia entre o recoñecemento normativo e os requisitos de acceso xera unha contradición que afecta ao principio de adecuación entre posto, funcións e cualificación profesional. 

Permitir o acceso a estes postos sen a titulación específica supón un risco de desprofesionalización do ámbito socioeducativo e de enfraquecemento do recoñecemento institucional da profesión. 

Desde o CEESG reiteramos a necesidade de garantir que os postos de acción socioeducativa sexan desempeñados por profesionais da Educación Social, en coherencia co marco formativo e competencial da profesión. 

Así mesmo, consideramos que esta situación transcende o ámbito territorial no que se produce e afecta o recoñecemento xeral da profesión no conxunto do Estado, polo que expresamos o noso respaldo ás accións de defensa e reivindicación impulsadas polo Colexio Profesional Asturiano.

CEESG, 20 de mayo de 2026