Manifesto do Ceesg 8 M 2020: A Educación Social, unha profesión de Coidados.

28 - 06 - 2023

Este ano o movemento feminista, baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”, volve poñer o foco de atención nos coidados, colocándoos no centro das nosas vidas.

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Ceesg, consideramos que temos a responsabilidade social de outorgar aos coidados un lugar prioritario nos nosos debates e reflexións, nun dobre sentido:

  • Por un lado, a necesidade dos coidados nunha profesión, a Educación Social, onde as mulleres somos maioría; unha profesión invisible e infravalorada social e economicamente, que nos sobrecarga de tarefas, con escaso recoñecemento e con condicións laborais precarias.
  • E, por outro, a responsabilidade que temos como profesión que traballa xunto á cidadanía nos espazos familiares, onde segue sen existir unha redistribución equitativa das tarefas domésticas e dos coidados.

Os traballos de coidados están feminizados, e son realizados en contextos de invisibilidade, social e económica, así como desde a precariedade e falta de recoñecemento. Por outra banda, o Estado segue sen garantir recursos e servizos suficientes para atender ás demandas crecentes de coidados, entre a poboación máis miúda, e tamén, entre a poboación maior e aquela que se atopa nunha situación de dependencia.

Ante este escenario, desde o Ceesg, neste 8 de marzo, MANIFESTAMOS:

  1. O rexeitamento ás políticas sociais, laborais e económicas que implican un retroceso nos dereitos e conquistas sociais: recortes e privatización de servizos públicos como os servizos sociais, a educación e a sanidade.
  2. O dereito a un traballo digno e á corresponsabilidade nas nosas vidas.
  3. A necesidade de repensar o público e o común para situar a reprodución da vida e o benestar no centro das prioridades da nosa sociedade.
  4. A necesidade de establecer estratexias diferentes e alternativas á externalización dos coidados, permitindo exercer os coidados a aquelas mulleres e homes que así o desexen dun xeito digno.
  5. A revisión das xornadas laborais que dificultan unha infancia con dereito a gozar de tempo compartido en familia, así como o exercicio dunha marentalidade e/ou parentalidade positiva.
  6. O papel clave da Educación Social na transformación da sociedade, xa que traballamos para o desenvolvemento integral das persoas, libres de prexuízos e de estereotipos de xénero.
  7. A reivindicación dunha educación na ética dos coidados e no recoñecemento efectivo dos dereitos sociais.
  8. A necesidade dunha cultura comunitaria, baseada nas relacións de veciñanza, a xestión participativa e o uso compartido dos bens e dos espazos públicos, onde poder construír sororidade e redes de apoio; porque o colectivo facilita a vida de toda a cidadanía.
  9. O noso apoio ás mobilizacións e manifestacións previstas por todo o país, convidando a todas as mulleres a sumarse e participar.

Sen nós o mundo non produce nin se reproduce.

#EducaciónSocialéCoidados

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020.

Descargar Manifesto en pdf