Comunicado do grupo Miolo polo Día Mundial da Saúde.

28 - 06 - 2023

Saúde. Palabra que hoxe en día cobra máis significado e importancia que nunca. Palabra que seguramente para moitas e moitos de nós, se non o era, pasa a ser a prioridade número un das nosas vidas.

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia a través do Grupo de traballo de saúde Miolo, reivindica neste Día Mundial da Saúde, a importancia de aportar dende a nosa profesión, a teoría e a práctica que permitan que as persoas acaden a maior calidade de vida posible. Asegurar a atención necesaria ás que carecen dela e sumar para evitar que moitas a perdan.

Son múltiples as situacións de vulnerabilidade nas que a saúde periga: casos de maltrato psicolóxico e físico, problemas de malnutrición, estrés e ansiedade derivados de problemas económicos ou familiares, problemas de adiccións, dificultade de acceso a recursos que faciliten unha vida autónoma, soidade...

A saúde ten un equilibro inestable debido a que está condicionada por factores psicolóxicos, sociais, ambientais, laborais, biolóxicos... Por iso, hoxe en día falamos de “equipos sociosanitarios”, nos que ás disciplinas profesionais vinculadas tradicionalmente á saúde se suman outras, creando unha sinerxía que aporta un enfoque integral. Falamos dunha rede de traballo de profesionais da saúde que debe funcionar como cortalumes ante calquera tipo de ameaza sociosanitaria.

A Educación Social é unha destas profesións, que se adentra no tecido social e serve como ferramenta de traballo para a eliminación de situacións que inflúan negativamente na saúde, contribuíndo ao benestar biopsicosocial da cidadanía. Unha profesión que conta coas competencias sociais e emocionais que nos permiten ser especialistas neste ámbito. Unha profesión que ten entre as súas principais funcións a promoción da saúde, que a través de procesos socioeducativos, actúa en base ás necesidades das persoas. Unha profesión que mediante a información, a mediación, a motivación, a promoción, a sensibilización, o acompañamento, o deseño, a planificación, a prevención, a coordinación, o asesoramento, a actuación e a intervención, busca a autonomía, a participación e o empoderamento das comunidades e de cada persoa.

Dende a Educación Social seguiremos traballando os 365 días do ano, así como reclamando a nosa posta en valor como profesionais esenciais no ámbito, para asegurar o noso ben máis prezado, a saúde.

Miolo. Grupo de traballo sobre Saúde, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
7 de abril de 2020.

Descargar comunicado en pdf