Educación social con persoas maiores en tempos de coronavirus.
Comunicado do Grupo de Estudos e Intervencións Xeragóxicas do Ceesg:
No devir dos últimos días, sexa cal sexa a fonte de información, as persoas maiores sitúanse baixo o foco. Isto débese a que é este o colectivo máis vulnerable e afectado polas consecuencias do coronavirus. Arrastrando, consigo, unha triste e desoladora realidade na que debemos centrar todos os nosos esforzos e por suposto, tamén, os nosos recursos.
A Educación Social galega, como non podería ser doutro xeito, súmase ao recoñecemento de todas aquelas e aqueles profesionais que, por mor da súa responsabilidade laboral, non poden quedar na casa e saen día tras día a desempeñar as tarefas que lle corresponden, coidando así daqueles/as que no seu momento xa coidaron de nós.
Dende o GEIX, somos conscientes da realidade que están a vivir as persoas maiores nestes momentos e queremos trasladar, tanto ás profesionais como usuarias, o noso máis sincero apoio nestes momentos que nos está tocando vivir. A desatención por falta de recursos, a urxencia de respectar protocolos pouco viables, a necesidade de ofrecer ás familias unha atención de calidade ás súas demandas… Son algunhas das situacións que nos xeran, día tras día, angustia e desesperación.
Para todas e todos: moita forza.
Podemos dicir, de xeito concreto, que a terceira idade en contexto institucional, é un colectivo, se cabe, aínda máis especial. Convivir cun grupo de iguais nun centro ou residencia, acostumarte ao desenvolvemento de certas rutinas diarias, ser atendido/a por profesionais altamente formados/as e de confianza, a proximidade, a calidez… o bo trato e a atención centrada nas persoas é algo que estamos vendo alterado hoxe en día.
Neste senso, dende o GEIX, condenamos calquera situación que dificulte ou impida o pleno desenvolvemento das funcións de Educadores e Educadoras Sociais, así coma o resto de profesionais sociosanitarias, no ámbito de Persoas Maiores con garantías de calidade.
É o momento de devolver aos nosos/nosas maiores todo canto nos aportan e aportaron no seu día. E tempo de estar á altura, de traballar xuntos/as e esixir melloras, de garantir uns coidados de calidade. É tempo de seguir na loita. É tempo de Educación Social.