Comunicado sobre o Plan de Saúde Mental de Galicia

28 - 06 - 2023

Comunitario, prevención, recuperación e inclusión son algunhas das boas novas que recolle o proxecto de Plan de Saúde Mental Galego.

Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia preguntámonos se realmente a atención integral é posible cando non se conta con todos e todas as profesionais que aportan apoio ás persoas e as súas familias nos seus contextos, que dan relevancia á intervención precoz, á prevención e á actuación no ámbito da saúde mental. A realidade é que malia que xa levamos tempo desempeñando as nosas funcións neste ámbito a través das entidades privadas financiadas pola propia Xunta de Galicia, seguen sen ternos en conta no sistema de saúde público. Contando como evidencia o gran labor que realizan compañeiras noutras comunidades autónomas dentro do sistema público de saúde e en entidades do terceiro sector, solicitouse a incorporación de Educadoras Sociais nunha reunión celebrada en xullo do 2019 coa Xunta. A pesar das varias peticións realizadas, atopámonos con ausencia de resposta e con que non figuramos dentro deste novo Plan; non se nos ten en conta, esquecendo así a importancia da multidisciplinaridade que garante un servizo e unha atención de calidade.

Dende o Ceesg e o grupo de traballo de saúde Miolo demandamos unha resposta, así como ser tidas en conta no ámbito da saúde Mental, no Plan Galego, nas Mesas de Traballo e no cadro de persoal do SERGAS.

Grupo Miolo, de Educación Social e Saúde.

Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

8 de xullo de 2020