Nova Publicación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais sobre Educación Social na Escola

28 - 06 - 2023

O ámbito da educación social é enormemente diverso e variado. Podemos estar en moitos equipamentos, con colectivos diferentes e con problemáticas tamén dispares. Pero parece que existe unha coincidencia xeralizada no canto de recoñecernos como profesionais “na escola”; dun ou doutro xeito, temos experiencias propias (do país, como dirían por aquí) e doutros lares onde a nosa presenza nos centros educativos está afianzada e cada vez faise máis necesaria.

Precisamente, sobre este ámbito de Educación Social e Escola, xira o último número da Galeduso, a revista do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) que vén de publicarse o pasado febreiro.

A presentación desta nova entrega realizouse na asemblea anual do noso colexio profesional, mais a aparición da Covid-19 interrumpiu o inicio da súa difusión noutros espazos entre os que estaban como prioritarias as universidades galegas; sobre todo, naquelas onde existen as titulacións de maxisterio, pedagoxía e/ou educación social.

Queremos salientar o valor desta revista por ser, dunha banda, unha escolma de achegas de profesionais do mundo socioeducativo e estudantado de educación social que quixeron contribuir a darlle contido crítico e actualizado a esta temática, a través de diferentes experiencias e reflexións. Doutra banda, cómpre sinalar que a incorporación da figura da educación social nalgunhas comunidades autónomas (Extremadura, Castilla La Mancha, Andalucía, Baleares, Canarias e neste novo curso escolar, 2020/21, Cataluña) xa é unha realidade que aínda non se materializou na Galiza. Nesta liña, a publicación súmase á reivindicación que, desde diversos colectivos sociais do país, nomeadamente o noso colexio profesional, se vén liderando desde as súas orixes: a andaina do recoñecemento institucional da figura profesional da educadora/educador social como complementaria e inescusable en contextos educativos.

Como é coñecido e aceptado desde hai décadas, a educación é un dereito fundamental, tal e como o establece o artigo 26 da Declaración dos Dereitos Humanos e tamén o artigo 27 da Constitución Española. Ademais, é un dos principios directivos que apoia a Axenda Mundial da Educación para 2030 e o Obxectivo 4 para o Desenvolvemento Sostible (ODS). Apuntálase deste xeito garantir o máximo goce do dereito á educación como catalizador para lograr un desenvolvemento sostible e integral.

Enténdese así que no contexto da escola, a Educación Social é un dereito fundamental das persoas que participan dese espazo e un perfil profesional imprescindible se pretendemos una escola integral, xa que as educadoras e educadores sociais asumen funcións relacionadas coa intervención socioeducativa en situacións como o ciberacoso, a resolución alternativa de conflitos, a igualdade, a educación afectivo-sexual, a prevención de adicións, etc. Cuestións que se abordan na revista que vimos de publicar.

Así mesmo, o panorama actual da COVID-19 deixa de manifesto a necesidade de reforzar a institución escolar con profesionais do ámbito socioeducativo, onde as educadoras e educadores sociais son profesionais de referencia. Agardamos estar e que unha situación de crise como esta, conte cun sistema educativo público, de calidade e reforzado profesionalmente.