Outubro 2020. Mes no que se conmemora o Día Internacional das persoas maiores
COMUNICADO DO GEIX (GRUPO DE ESTUDOS E INTERVENCIÓNS XERAGÓXICAS)
Pretendendo un ano máis poñer en valor o papel das persoas maiores nos diferentes Estados atopámonos que por desgraza unha pandemia, provocada por un virus ata agora descoñecido, está a poñer en xaque ás sociedades en xeral, e ao colectivo de maiores, en particular. Resulta tremendo facer unha revisión dos datos de contaxios deste grupo de idade, pero aínda máis lamentable é saber da cifra de persoas falecidas que esta enfermidade leva provocado, e en especial nos lugares que son o seu fogar na última etapa de vida, que son as residencias de anciáns.
Sabemos hoxe que o sistema inmunitario das persoas maiores adoece das defensas suficientes e necesarias para soportar a enfermidade que provoca a Covid-19 e, mesmo por darse entre elas máis casos con comorbilidade, o que aumenta a súa febleza e as fai máis vulnerables ante as secuelas da peor pandemia nos últimos 100 anos.
Elas e eles, que nalgúns casos superaron sendo mozos a virulencia doutras gripes e outras enfermidades infecto-contaxiosas, amais de soportar anos de fame, de moita dureza, escaseza e represión, están agora en demasía sucumbindo a este desgraciado virus que está amosando as costuras dun sistema de coidados e mesmo sociosanitario que non se atopa forte nin ben organizado para protexer a este grupo poboacional institucionalizado ou non, pero que precisa da atención profesional básica e/ou específica para sobrelevar a súa propia enfermidade e atender as necesidades para unha vida plena e digna.
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas designa o 1º de Outubro Día Internacional das Persoas de Idade, unha data que sen dúbida debemos celebrar favorecendo a toma de conciencia sobre a prolongación da vida e o valor que isto ten nas sociedades. Como claro exemplo, na nosa comunidade as persoas maiores de 65 anos e que abarcan varias xeracións, xa superan o 25% do total da poboación galega neste ano 2020. Este dato que reflicte unha realidade no panorama poboacional desta terra, sendo Galicia un dos territorios coa poboación máis envellecida, só pode valernos para fortalecer orgullo de país, pero tamén para esixir que dende as diferentes administracións e institucións se poñan todos os medios para que os nosos maiores reciban un trato digno de coidados e atención integral alí onde se atopen.
As persoas de idade demostraron e seguen a demostrar capacidade para adaptarse aos cambios sociais, culturais e educativos que acompañan a este mundo globalizado. Persoas que non dubidan en sumarse a participar activamente nos seus municipios, na súa realidade inmediata e que na Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) reflicten e recoñecen que ‘o desenvolvemento só poderá lograrse se inclúe a todas as idades’. Pero ademais foron e son tamén o sustento de moitas familias, de fillas, fillos, netas e netos que se viron afectadas/os pola recente crise económica, ou a man experimentada e amiga cando precisamos apoio, consellos, sabedoría e certa mirada con perspectiva.
Dende a Educación Social cremos que é o momento de agradecer todo canto nos levan agasallado, todo canto levan loitado por facer do mundo un lugar máis habitable, sendo como foron os artífices do sistema de benestar social consolidado e que agora vemos se resinte. Como profesionais do ámbito, esiximos un cambio na mirada, no enfoque, un cambio nas intervencións sociopolíticas que se levan a cabo con este colectivo, diversificando as oportunidades de desenvolvemento persoal e a participación, co propósito firme de traballar para as persoas maiores contando sempre con elas e as súas familias. Esiximos respeto polos seus dereitos, un trato eticamente máis humano, garantirlles unha calidade de vida real e coidados integrais para quen os precisen, mais todo isto require da cohesión dos servizos sociais e sanitarios para procurar unha atención sociosanitaria integrada e coordinada a esta poboación, mesmo incorporando servizos de xeriatría en todos os hospitais públicos e/ou na atención primaria.
Avogamos por que esta profesión de Educación social sexa un referente entre este colectivo humano, xa que partindo da reflexión e da colaboración fomenta a participación social das persoas maiores e crea climas relacionais óptimos para o seu desenvolvemento integral.
Hoxe, e todos os días do ano, dende o grupo Geix (Ceesg) reivindicamos a nosa figura profesional como punto de partida para un cambio de modelo “menos asistencial e máis social e ético”. Un modelo de intervención onde Educadores e Educadoras Socias formen parte das equipas interdisciplinares, aportando todo o seu potencial.
Só así acadaremos un modelo baseado na atención centrada na persoa, no que os intereses, emocións, gustos, preferencias, dereitos e reivindicacións dos maiores sexan tidas en conta, porque non son clase pasiva senón cidadanía de pleno dereito, e logremos promover un verdadeiro desenvolvemento social, educativo e comunitario para as sociedades do século XXI.
Grupo de Estudos e Intervención Xeragóxica do Ceesg (Geix)