Novidades do VIII Congreso Estatal de Educación Social

28 - 06 - 2023

O Congreso Estatal de Educación Social é o evento de maior relevancia en torno á Educación Social. Os Congresos Estatais serven para tomar o pulso da Educación Social e tamén son o espazo para fixar obxectivos prioritarios da profesión, sendo en moitas ocasións o lugar onde se aproban documentos fundamentais e onde se debate sobre o noso futuro inmediato.
A 8ª edición do congreso da nosa profesión, prevista para abril de 2020, tivo que adiarse debido á pandemia.
Amoldándose á nova situación, adaptouse a metodoloxía para ofrecer un congreso totalmente en liña, de xeito que a inscrición permite asistir en directo ao congreso e o visionado en diferido. As novas datas quedaron fixadas para a semana do 20 ao 25 de setembro, anunciándose algunhas novidades:

  • Os obradoiros impartiranse en liña entre os días 20 e 22. A inscrición dá dereito a participar nun deles (podendo interactuar co/a relator/a), mais poderán visionar todos os demais en streaming ou en diferido.
  • Hai actualizacións no programa, mantendo, entre outras, a participación de Manuela Carmena no relatorio inaugural, Federico Mayor Zaragoza no relatorio principal e José Antonio Caride Gómez no relatorio de peche.
  • Abriuse un prazo extraordinario para achegar contribucións, ata o 15 de abril: comunicacións, pósteres ou experiencias (as aceptadas provisionalmente con anterioridade seguen sendo válidas).
  • Simplificáronse as tarifas (ver información detallada)
  • A presencialidade poderá ser posible na medida en que as restricións sanitarias o permitan (quen queira optar a asistir presencialmente debe indicalo na inscrición)
  • Novo emprazamento: Centro Etopia, axeitado para o aforo previsto e os medios tecnolóxicos necesarios.
  • Nova páxina web máis accesible, onde se irán engadindo todas as novidades do Congreso.

O lema do congreso pretende integrar catro conceptos que se consideraron prioritarios: Compromiso, Dereitos, Transformación e Dignidade, concretándose en ‘Educación Social, dignidade e dereitos’. Tras os acontecementos recentes, considerouse necesario incorporar unha mirada transversal feita desde o que a experiencia, persoal, profesional, social, etc. nos fixo vivir nestes tempos de pandemia e en como podemos dar respostas a eses interrogantes. Así, o lema toma un novo matiz: ‘Educación Social, dignidade e dereitos en tempo de pandemia’

Proximamente abrirase o prazo de inscricións

www.congresoeducacionsocial.org