A Educación Social é interxeracional

28 - 06 - 2023

Cada 29 de abril celébrase o día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións, data instaurada a partir do 2009 pola Plataforma Europea de Persoas Maiores e o Foro Europeo da Xuventude, co obxectivo de favorecer a inclusión e participación das persoas maiores na sociedade actual e contribuír a unha maior solidariedade interxeracional.

Ademais, na Axenda 2030, a Organización Mundial da Saúde (OMS), sinala que un compromiso cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible ‘significa un compromiso co avellentamento saudable e con políticas baseadas na evidencia que fortalezan as capacidades das persoas maiores e melloren o seu benestar’.

Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia celebramos este día dando importancia á convivencia interxeracional entre a infancia - xuventude e persoas maiores, creándose vínculos relacionais moi positivos, onde as distintas xeracións se nutren e retroalimentan, ofrecendo o mellor de cada unha delas.

Ante a globalidade, o incremento de uso das novas tecnoloxías e a situación actual de pandemia, destápase unha caixa de pandora e deixa máis latente a necesidade dos encontros interxeracionais e os beneficios de dita convivencia, onde as xeracións máis novas poden contribuír ao benestar das persoas maiores, e facilitarlles recursos para mellorar a integración nun mundo tan cambiante e que avanza moi rápido. Recordamos que Galicia é un territorio predominantemente rural, onde os distintos grupos de idade conviven día a día, nos seus domicilios, no vecindario, nas asociacións ás que pertencen… E este tipo de relacións é moi habitual atopalas, e máis doado contribuír a que se sigan fortalecendo. Non é de estrañar que os vínculos máis afectivos florezan dando pé a relacións que favorecen o benestar e calidade de vida das persoas maiores. Nestas, xorde un apoio mutuo, o espertar e mantemento do sentimento de pertenza e inclusión na contorna, benestar físico-psico-social, empoderamento e motivación. Todo isto fai que a persoa maior continúe co dinamismo e activa, sentíndose integrada na vida social, optimizando as súas capacidades e habilidades, transmitindo experiencia e sabedoría.

Dende a Educación Social, vemos imprescindible que se traballe o desenvolvemento comunitario para que as persoas maiores compartan as súas vivencias, experiencias e coñecementos para fomentar a relación e cooperación entre as distintas xeracións, producíndose unha aprendizaxe mutua.

Este intercambio interxeracional conecta ás distintas xeracións implicadas, dende os seus diferentes ámbitos (familiar, educativo, laboral…) e leva consigo unha transmisión de experiencias enriquecedoras para todas as persoas participantes, pois ademais de coñecementos, a transmisión de valores, principios e cultura é algo moi valioso.

Grupo de Estudos e Intervención Xeragóxica
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia