O bo trato na vellez
O 15 de xuño conmemórase en todo o mundo o Día de Toma de Conciencia do Abuso e o Maltrato na Vellez; unha efeméride que, tal e como menciona a web HelpAge International, salienta a importancia de “promover os dereitos humanos das persoas maiores e loitar contra a discriminación, a violencia, o abuso e o maltrato que experimentan estas persoas”.
Destaca que este día estea nomeado cunha connotación negativa. Por iso, desde o Grupo de Estudos e Intervención Xeragóxica (CEIX) do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), propoñemos mudar o nome para falar en positivo sobre o bo trato que debe ter e sentir calquera persoa, en especial as e os maiores, inserta na sociedade.
Non é novidoso que toda persoa debe sentirse querida e respectada, empoderada, para lograr unha boa autoestima, participar con normalidade da comunidade, ter recursos accesibles e unha aceptable calidade de vida. Mais neste último ano e medio, constatouse a maior necesidade de fomentar unha mirada máis humanizada poñendo o foco nas persoas que conformamos os espazos vitais, a familia ou no grupo de iguais. Arrebatouse certa liberdade e abriuse a “caixa de Pandora” para descubrir unha palabra tabú como é a soidade ou a falta de compaixón.
Por iso, desde a Educación Social, traballamos e intervimos día a día para dinamizar e favorecer espazos de sensibilización, prevención e intervención socioeducativa directa, baixo o prisma da atención centrada na persoa, dun xeito integral e integrado, para que os e as maiores poidan ter un benestar físico-psico-social.
Pequenas accións fan que unha persoa medre e continúe sendo autónoma e valorada. Velaquí algunha delas, que desde o CEIX cremos que favorecen o bo trato coas persoas maiores:
- Rachar cos estereotipos relacionados coa vellez, pois ao longo da vida aprendemos decotío. Non por ser maiores se complican as circunstancias, ao contrario, apréndese delas e adáptanse á situación de cada un e unha para manter unhas boas capacidades, o que hoxe chamaríamos resiliencia.
- As persoas maiores, coma calquera, precisan afecto, e este pode demostrarse de moitos modos: dende un bico, unha aperta, boas palabras e actos de recoñecemento, integrando e incluíndo a súa experiencia vital na contorna e viceversa.
- Fomentar a participación social e motivación persoal para a mellora da autoestima e empoderamento.
- Coñecer a historia de vida das persoas e traballar co proxecto de vida futura que se quere ter.
- Fomentar o sentimento de pertenza na sociedade, como persoa de dereito e con dignidade.
- Escoitar e dotarse de boas habilidades sociais e comunicativas.
- Adecuar os recursos existentes a cada casuística.
- Respectar os dereitos económicos, sociais, culturais e sanitarios das persoas maiores.
Debemos ver ás persoas maiores como axentes potenciadores de cambio e, ao tempo, dignas precursoras cheas de sabedoría. Son un colectivo diverso e de xeracións que pasaron por moitas situacións complexas e duras, e non se debe menosprezar toda a súa riqueza e aporte á sociedade, pois están “tituladas pola Escola da Vida”. Mentres sigan en pé, aas persoas maiores teñen e terán moito que ofrecer.