Dez anos camiñando por unha Educación Social Feminista
Fiadeiras, o grupo de traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia (CEESG) conmemora o seu 10º aniversario.
Hai 170 anos, nacía, un día como hoxe, 16 de setembro, Emilia Pardo Bazán, e seguindo a súa senda feminista, así como a de moitas outras mulleres, nacía, fai 10 anos, o grupo de traballo en Igualdade Fiadeiras, dentro do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia coa ilusión de crear espazos para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais da nosa comunidade, encamiñados a romper os modelos de intervención socioeducativa sexistas, androcéntricos e paternalistas que seguen a frear, a día de hoxe, os avances cara unha sociedade democrática, xusta e feminista.
O noso nome pretendía ser un recoñecemento ó traballo invisible que tantas mulleres teñen realizado confeccionando as prendas de roupa e vestindo a familias e pobos enteiros; pero tamén ten un sentido reivindicativo e simbólico que recolle o eco das verbas de Celia Amorós, quen salientaba a necesidade de «tecer fíos violetas que marquen novas estratexias para que outro mundo sexa posible».
Neste senso, as Fiadeiras traballamos dende a Educación Social, unha profesión de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas. Abrazamos a educación social e o feminismo intervindo desde diferentes formas e contextos pola incorporación da perspectiva feminista na nosa profesión.
As accións que desde Fiadeiras levamos a cabo desenvólvense nunha dobre dirección, teñen un carácter interno e externo; é dicir, combínase un traballo “intracolexial” centrado na propia Xunta de Goberno, o persoal laboral e as persoas colexiadas; con outro dirixido á cidadanía en xeral, destacando a participación activa de Fiadeiras no movemento feminista galego e a súa colaboración con outras entidades no ámbito socioeducativo.
Con motivo destes 10 anos no Ceesg, a partir de hoxe teredes á vosa disposición en formato dixital e de balde na web ceesg.gal a publicación «Machismos: de micro nada» (2016).
Machismos de micro nada, é o resultado dun proceso de análise individual e grupal no que fomos aprendendo xunto a outras compañeiras, ata chegar ao seu formato final. Cuestionamos o concepto acuñado por Luís Bonino – micromachismos-, ao considerar que o prefixo micro remítenos a algo pequeno e/ou de menor valor. Con todo, desde Fiadeiras consideramos que cando falamos de violencia contra as mulleres, o seu carácter estrutural e as diferentes formas en que se presenta fai que teñamos que permanecer atentas, pois as súas manifestacións poden pasarnos desapercibidas se non utilizamos as lentes violetas para analizar a realidade. Desta forma, sendo conscientes das diferentes artimañas patriarcais, dispoñemos non establecer categorizacións sobre o canto agredidas somos unhas e outras, evitando un debate tramposo sobre a existencia de violencias máis importantes ou menos.
E con esta idea na cabeza, comezamos a artellar unha campaña para denunciar o machismo que na vida cotiá continúa afectándonos como mulleres. A idea que nos movía era recoller experiencias de mulleres en relación ás formas sutís en que se presenta o patriarcado, precisamente coa intención de visibilizar a súa importancia.
A través desta publicación evidénciase que cunha boa organización, as mulleres podemos facer grandes ou pequenas cousas (pero o reto é poder facer), considerándoo como un paso máis de unión, fortalecemento e dignidade.
“Machismos, de micro nada” (2016) inclúe textos e ilustracións de: Lucía Aldao, Pablo Andrade, Leo Arremecághona, Isaac Castro Neira, Luís Davila “O Bichero”, Eva de la Torre Conde, Mª dos Anxos García Fonte, Clara Gayo, Manuel González Prieto, Mai Insua, Tareixa Ledo Regal, Juanjo Lorenzo Castiñeiras, Andrea Nunes Brións, Sabela Núñez Singala, Ana María Pérez Rico, Patricia Porto Paderne, Sofía Riveiro Olveira, María Rosendo Priego, Xulia Santiso Rolán, Maite Sío Docampo, Gema Zunzunegui Lamas, Olalla López Barro, As Quetas, Asociación Nós mesmas, Sacha na Horta, etc.
Agradecidas da colaboración e sororidade de todas as persoas e entidades que nos últimos dez anos compartiron e teceron redes con nós e que permitiron mellorar o traballo en igualdade que hai séculos iniciaron outras compañeiras dende o feminismo.
Queremos continuar o noso labor e non queremos facelo soas. En compañía, a tarefa de cambiar o mundo parece máis posible e real.
Grazas por compartir un ano máis e comezar unha nova década con Fiadeiras Ceesg.