Manifesto día da educación social 2021
No #edusoday2021 queremos facer visible a importancia que para a sociedade Ourensá ten a educación social. No ano 1991 botou a andar a Diplomatura en Educación Social no sistema universitario español. Xurdiu da resposta á necesidade de creación dunha figura profesional especializada no acompañamento socioeducativo. Ata ese momento foron profesionais con formacións moi diversas quenes foron atendendo unha demanda social que cos anos se fixo máis intensa. No ano 1995 empezou a impartirse no Campus de Ourense a Diplomatura en Educación Social. Na actualidade continúa sendo un grao. Nestes anos formáronse en Ourense unhas 1600 figuras profesionais da educación social. Actualmente contamos con profesionais especializadas en Concellos, Recursos de Protección á Infancia, Centros de Atención a Persoas Maiores, Programas de apoio a persoas en dificultade social etc.
As educadoras e educadores sociais estamos acompañando ás persoas máis vulnerables, fomentando procesos de empoderamento e facilitando espazos de seguridade persoal dende os que superar a situación de dificultade social. A ilusión e a implicación profesional posibilitou a elaboración de complexas estratexias de intervención socioeducativa. Actualmente a educación social conta con un rico corpo teórico dende o que poder afrontar as complexas realidades nas que traballamos. Aeducación social transitou da improvisación dos anos 90 a contar no día de hoxe con unha base de coñecemento científico que favorece a eficacia nas intervencións.
Nas últimas décadas, os avances na práctica profesional en educación social foron significativas, pero non todas as administracións son conscientes da importancia de contar con persoal con coñecementos especializados. Denunciamos que o Concello de Ourense está a publicar convocatorias de acceso a postos específicos da educación social nos que que dispor da Diplomatura e/ou o Grao en educación social non é un requisito. Por este motivo, preguntámonos si o Alcalde de Ourense coñece as consecuencias que ten para as persoas vulnerables ser acompañadas por persoal non especializado. Non entendemos como nunha cidade na que se forman Educadores/as sociais o concello non valore a calidade das ensinanzas impartidas no campus de Ourense. Actualmente está fomentando o intrusismo laboral, amosando un descoñecemento absoluto dos contextos de intervención socioeducativa. A situación vese agravada polas consecuencias da pandemia que estamos a vivir. O Concello de Ourense precisa activar recursos de acompañamento socioeducativo que apoien a colectivos en dificultade e
posibiliten a familias e a adolescentes contar con apoio especializado. Solicitamos que o Concello de Ourense active convocatorias de persoal nas que se esixa coñecemento especializado para o acceso ao posto de educador/a social.
O sentido común di que queremos uns servizos públicos eficaces que garantan o dereito da cidadanía á educación social. Tendo a profesionais especializados como é posible que se renuncie a esa especialización e se pretenda contratar a persoas sen os coñecementos precisos?.
Por unha sociedade máis equitativa e xusta. Por moita educación social en Ourense e en Galicia.
Feliz #DIES2021 #edusoday2021
Grazas.