Comunicado do Ceesg Día Mundial da Saúde Mental (10 outubro)
O vindeiro domingo, 10 de outubro, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental. Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, un día e un ano máis, salientamos a importancia de pór ás persoas no centro das políticas públicas: de investir na comunidade, de crear programas e recursos que teñan como obxectivo garantir o benestar da cidadanía en todos os aspectos. Un día e un ano máis, reivindicamos e pedimos ás administracións unha aposta clara no investimento de recursos de calidade destinados á atención en saúde mental.
A raíz desta pandemia mundial, mais partindo dunha problematica que vén de lonxe, observamos como crece a demanda do número de persoas que precisan atención en saúde mental, non así os recursos humanos para dar resposta a estas necesidades. Vémolo na rúa, nos medios, na rede. Urxe investir en recursos destinados a este ámbito.
Falta reforzar a Educación Social en centros educativos para a prevención do acoso escolar, educación para a saúde, prevención de adiccións, educación afectivo sexual, habilidades sociais e outras. Falta reforzar a atención primaria con profesionais que permitan que nos anticipemos e que traballemos coa cidadanía para a adquisición de ferramentas que lles permitan xestionar as súas emocións, a súa vida. Falta reforzar os dispositivos de Saúde Mental e de adiccións para que a maior parte da poboación teña unha atención de calidade baseada na resposta ás súas necesidades, sen listas de espera interminables, cun aborde integral sobre súa problemática, dende a cercanía. Falta crer na importancia de apostar pola saúde mental das persoas.
E, si: falta inversión e compromiso por parte de todas as administracións públicas, mais sobran ganas e a vontade das profesionais dispostas e preparadas para abordar as numerosas demandas sociais neste aspecto.
En Galicia somos moitas as educadoras sociais que traballamos en equipos multidisciplinares en recursos de Saúde Mental e adicións e concordamos na importancia e na necesidade de ser escoitadas de cara ó mantemento dunha rede sólida de atención a cidadanía. A Consellería de Sanidade ten a sorte de contar no país con diversas profesionais preparadas e con experiencia á súa disposición para poder levalo a cabo. Agora só falta que empregue estes recursos. Que nos escoite. Que aposte por unha rede que existe e que é de vital importancia que reforce. O diálogo e o encontro entre as institucións e os profesionais sociosanitarios é clave para coidar e favorecer o benestar da cidadanía. Escoitémola e invistamos nela.