Reclámase unha rede de recursos terapéuticos con profesionais especializadas/os para persoas cunha demencia neurodexenerativa
A Federación Alzhéimer Galicia xunto cos colexios profesionais de educación social (CEESG), fisioterapeutas (COFIGA), psicoloxía (COPG), terapia ocupacional (COTOGA) e traballo social (COTSG) manifestan a súa preocupación pola falta de recursos terapéuticos desenvolvidos por equipos de profesionais especializados na atención ás demencias neurodexenerativas.
Os avances sociais e sanitarios producidos na sociedade galega durante as últimas décadas veñen de transformar o perfil e as necesidades das persoas maiores da nosa comunidade, que precisan novos xeitos de intervención.
A importancia dun envellecemento activo e saudable que sirva para previr e detectar de xeito precoz as demencias neurodexenerativas ten que transformarse nun piar dos servizos de atención sociosanitaria en Galicia e atender esta realidade en todo o proceso que vai dende a prevención ata a intervención terapéutica.
Neste sentido as Casas do Maior son unha ferramenta de apoio comunitaria das persoas maiores, sobre todo na loita contra a soidade non desexada, pero carecen de carácter terapéutico e non garanten unha atención integral e interdisciplinar.
Así mesmo, ante a alta prevalencia das demencias neurodexenerativas en persoas maiores e a intensa campaña que se está a realizar a favor do envellecemento activo e detección precoz, urxe o desenvolvemento de recursos especializados de atención a persoas con deterioro cognitivo leve en todo o territorio rural de Galicia.
É preciso achegar os recursos de promoción e prevención, que están dentro da carteira de servizos de atención a dependencia, ao contorno rural, establecendo puntos de atención á cidadanía nos distintos concellos de Galicia
Estes recursos ofrecen, mediante a intervención de profesionais especializadas/os en atención ás demencias, unha serie de servizos para as persoas afectadas e as súas familias, ademais de enriquecer o contorno social onde leven a cabo e axudar a fixar poboación.