O Ceesg, un ano máis en Negro contra as Violencias Machistas
Un novembro máis, desde o Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia, Ceesg, sumámonos á campaña ‘En Negro contra as violencias’, participando desde a sororidade nesta acción colectiva de visibilización, sensibilización social e reivindicación xunto a outras 500 entidades.
Desde Fiadeiras, Grupo de traballo do Ceesg, queremos facer fincapé no feito de que máis alá da punta do Iceberg, o lema e a imaxe da campaña deste ano, a violencia machista é un fenómeno universal; está presente en tódalas sociedades, e ten un carácter estrutural, simbólico e social. Isto é, situámonos ante un sistema perfectamente organizado, o patriarcado, que emprega a violencia nas súas diversas manifestacións (física, emocional, económica, sexual, social…) para garantir o mantemento da dominación dun grupo humano sobre outro; neste caso dos varóns sobre das mulleres e nenas, pero tamén, de certos homes sobre outros.
Non debemos esquecer que a desigualdade de xénero é o contexto no que agroma a violencia, que se converte ao mesmo tempo en causa e consecuencia dese desequilibrio no valor da vida humana en función do seu sexo.
Desde a óptica da intervención socioeducativa cómpre…
- un maior compromiso no ámbito da prevención e sensibilización social, poñendo en énfase o papel que a educación social ten no proceso de xerar accións diversas que poidan contribuír á redución dos patróns de dominación de forma progresiva ata a súa desaparición. En definitiva, a creación de novas formas de comprender a feminidade e a masculinidade, así como trazos alternativos nas relacións entre os sexos.
- coordinar un acompañamento integral nos procesos de recuperación da muller e das fillas/os vítimas de violencia machista.
- incidir no traballo coa comunidade en xeral.
Como Educadoras e Educadores Sociais vémonos na necesidade de cuestionar as nosas miradas, as nosas achegas e os nosos modelos de intervención, como miramos, que necesidades vemos, onde focalizamos e como acompañamos á comunidade.
Como Ceesg seguiremos apostando por programas de mediación e acompañamento socioeducativo, desde un enfoque feminista, comunitario e integral, que atenda ao conxunto da comunidade educativa e solicitando a incorporación da figura da Educación Social nos centros educativos, como recurso para a prevención da violencia machista e a eliminación das desigualdades sociais entre o alumnado, a educación en valores e a incorporación da coeducación.