Acordo de colaboración coa Asociación Acougo
A Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, naceu das necesidades dun grupo de familias que teñen adquirido un compromiso na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que están no sistema de protección público. Un ámbito no que sen ningunha dúbida, a profesión de Educación Social ten un papel moi relevante.
O Ceesg e Acougo compartimos a importancia da sensibilización para a transformación e mellora social sobre o acollemento familiar e/ou residencial, así como da protección dos dereitos da infancia no sistema de protección, das familias de orixe e das familias de acollida. Sendo así, vimos de asinar un compromiso de colaboración para o desenvolvemento de programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores, especialmente da medida específica de acollemento familiar.
Froito deste acordo esperamos anunciar nas próximas semanas unha formación que nos presente as claves da intervención nas diferentes etapas dos procesos de acollemento familiar, así como ferramentas e estratexias para a intervención en diferentes situacións.
Sobre o acollemento familiar
A medida de acollemento familiar supón dar ás e aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén e sen romper, na medida que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica.
Como profesionais debemos ter sempre como referencia o interese superior da infancia, acompañar a familias acolledoras, familias de orixe, e as propias nenas, nenos e adolescentes, para favorecer o seu desenvolvemento persoal e emocional de xeito óptimo.