Convenio coa Asociación Arelas
A Asociación de familias de menores trans Arelas ten como finalidade promover a despatoloxización da transexualidade en tódolos ámbitos de atención a menores transexuais e na sociedade en xeral, así como ofrecer acompañamento, apoio e asesoramento ás familias, crianzas e adolescentes trans que o demanden.
Para un adecuado desenvolvemento das/os menores transexuais é necesario activar mecanismos que procuren a sensibilización non só da opinión pública e das administracións, senón tamén das/os profesionais dos sectores de atención á infancia, de xeito que se tome conciencia sobre a potencial problemática persoal, social, emocional, asistencial e/ou familiar que pode levar consigo a transexualidade. Por ese motivo, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia vén de asinar un acordo coa asociación Arelas para a posta en marcha de medidas de difusión e sensibilización acerca da transexualidade en Galicia.