X Invernada de cine de Cabreiros
A casa escola de Cabreiros volverá acoller este outono a Invernada de Cine, que chega á súa décima edición con proxeccións durante os meses de novembro e decembro.
O Ceesg colabora un ano máis nesta iniciativa cultural levada a cabo pola Asociación de Veciños de Cabreiros e a Universidade de Santiago, co financiamento do Concello de Xermade e a Deputación de Lugo.
O programa contará con cinco proxeccións:
- 5 de novembro, ás 18.00 h.: A mestra da Escola, presentado pola súa directora.
Documental de xornalismo de investigación histórica e testemuñal sobre as mestras rurais e a historia da educación en Galicia. Dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine, está destinado a un público amplo e heteroxéneo, especialmente para a comunidade educativa e para o ámbito familiar. Conta coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia.
- 19 de novembro, ás 18:00 h.: A Virxe Roxa, tamén presentado polo seu director.
Documental que narra o asasinato de Hildegart Rodríguez a mans da súa nai Aurora. En 1933 Aurora Rodríguez mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só 18 anos, era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai para que fose a liberadora da muller. Os plans de Aurora non saíron como estaba previsto.
- 3 de decembro, ás 18:00 h.: Contaba morrer, do monologuista e contacontos Lois Pérez.
Esta peza sintetiza moi ben a relación dos galegos e as galegas coa morte, e pon de manifesto certa retranca. Todo o mundo conta morrer, pero non sempre se lle pon nome. O espectáculo reflicte o optimismo tráxico que nos caracteriza aos galegos e as galegas. Haberá unha parte de narración oral, que será o groso da proposta, na que confluirán distintas historias, e na parte final, poesía…
- 17 de decembro, ás 18:00 h. Sesión infantil. Teatro Infantil Ghazafhellos: Iriña Bailarina.
Un pirata, un xogador de futbolín, unha bailarina de caixiña de música e un único desexo; xogar sen límites para medrar sen “medidas”. Ghazafelhos propón reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais. Iriña bailarina esculca na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por poder saír do espazo que a anoa a dar voltas sen cesar para poder xogar ao futbolín.
- 30 de decembro, ás 19.30 h. Espectáculo infantil. Peter Punk: Punkdemia.
Peter Punk convértese no doutor Punkdemia, con un espectáculo viral no que ofrece a súa particular visión da Pandemia. Punkdemia céntrase en novas rutinas, descubriremos como se viste un pallaso para protexerse da covid-19, uso de máscaras, vacinas e o equilibrio necesario para facer fronte á desescalada.