Un curso achegará estratexias socioeducativas que favorezan unha escola inclusiva e segura
Desenvolverase en Ourense, entre o 21 e o 30 de setembro.
Inscrición aberta á cidadanía en xeral.
Escola inclusiva e segura: a educación social ante o “bullying”é o título deste curso de extensión universitaria organizado pola Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense (Universidade de Vigo), que permitirá afondar na atención ao alumnado en dificultade social dende o sistema educativo, coñecendo investigacións e boas prácticas que deben orientar a acción social nos contextos escolares, con especial atención ao fenómeno do acoso escolar.
Entre os obxectivos principais do curso están analizar o impacto do factor social nos procesos de inclusión escolar e coñecer estratexias socioeducativas para a atención ao alumnado vulnerable.
A inscrición está aberta tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral.
O curso, de 30 horas de duración, desenvolverase en Ourense entre o 21 e o 30 de setembro, combinando sesións expositivas con actividades dinámicas e participativas nas que se contará con expertos e expertas na atención á infancia e os contextos educativos.
Dirixido por J. Deibe Fernández Simo, contará con docentes da Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, e o Instituto Superior de Ciencias Educativas de Penafiel, así como con profesionais de diferentes entidades vinculadas ao traballo coa infancia vulnerable.
Estudantes, profesionais e cidadanía poderán adentrarse, da man de persoas expertas, nas múltiples potencialidades da Educación Social como estratexia de prevención do acoso escolar e de atención integral á infancia dende o sistema educativo.
O prazo de inscricións continúa aberto.