Curso: Falemos de autismo desde o paradigma da neurodiversidade

03 - 02 - 2026

A Asemblea Xeral do CEESG 2026 trae este ano unha actividade emparellada que suma valor á participación: unha formación específica sobre TEA, pensada para ofrecer ferramentas útiles e aplicables á práctica profesional.

A asistencia á Asemblea convértese así nunha oportunidade dobre: participar activamente na vida do Colexio e, ao mesmo tempo, ampliar coñecementos e recursos profesionais da man dunha educadora social especialista na materia.

O curso «Falemos de Autismo desde o paradigma da neurodiversidade» parte dun enfoque participativo e práctico, combinando exemplos reais, dinámicas interactivas e espazos de intercambio de experiencias que favorecen tanto a aprendizaxe como a creación de redes de apoio profesional.

Durante o curso abordaranse temas clave, como:

  • Comprensión do autismo desde a perspectiva da neurodiversidade e as características centrais do TEA.

  • Estratexias de apoio e intervención para facilitar a comunicación, interacción e autorregulación emocional das persoas autistas.

  • Prácticas inclusivas e convivencia educativa, co fin de promover contornos respectuosos e adaptados ás necesidades de cada persoa.

  • Recursos didácticos e materiais de apoio para o uso profesional.

A formación será impartida por Noemí Noya Barrio, educadora social colexiada e especialista en neurodiversidade, con ampla experiencia en acompañamento e recursos educativos para o autismo.


A formación consta dunha sesión presencial (2h) o propio día da asamblea en horario de 16h a 18h e unha segunda xornada en liña (2h) o martes 17 de marzo na aula virtual do Ceesg, tamén en horario de 16h a 18h.


Desde o CEESG apostamos por asembleas vivas, que vaian máis alá do encontro formal e se convertan tamén en espazos de aprendizaxe, encontro e coidado profesional. Este 2026, participar na Asemblea é tamén investir na túa formación. Pronto recibirás a convocatoria oficial coa orde do día. E, como outros anos, a Asemblea non acolle unha soa proposta: haberá máis contidos e espazos pensados para este encontro, que iremos compartindo pouco a pouco.


Reserva a data. Haberá razóns de sobra para estar!


 

INSCRICIÓN GRATUÍTA, EXCLUSIVA PARA COLEXIADAS/OS E PRECOLEXIADAS/OS QUE ASISTAN Á ASEMBLEA DO CEESG.

Ver detalles e inscrición