Caderno temático 1: A acción municipal no tempo libre
Autor/es: M. Belén Caballo Villar e Raúl Fraguela Vale
Editorial: DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA
Data Publicación: 2005
Referencia: AS-CAB-CAD
Idioma: Galego
Tipo: Libro
119 páx.
A
acción municipal no tempo libre propón unha liña discursiva de mínimos
acerca de tópicos, comidos e prácticas que abranguen cuestións como as
seguintes:
• O tempo libre e o lecer nas súas realidades do presente e nas súas
previsibles perspectivas de futuro, na procura de situar ao lector
nalgunhas das claves que permiten contextualizar a súa importancia na
sociedade da rede, así como nos aspectos conceptuais e axiolóxicos que
fan posible a transición do tempo libre ao lecer, ao que se engaden
distintas consideracións sobre o papel da educación e dos concellos na
creación de oportunidades para unha utilización positiva destes tempos e
a súa orientación cara á vivencia dun ocio comunitario.
• A acción municipal e as políticas de ocio nos procesos de
desenvolvemento comunitario, considerando este como un eixe transversal a
distintas iniciativas e prácticas do tempo libre de que dispoñemos os
cidadáns e analizando elementos como a participación, o asociacionismo e
a importancia da educación para o lecer. Complementando esta
perspectiva, o texto discorre polo marco normativo-legal que encadra a
acción municipal no lecer e detense especialmente na delimitación das
posibilidades e limites competenciais dos municipios (declaracións e
tratados internacionais, lexislación básica e específica etc.).
• A proxección do quefacer municipal en tres áreas ou ámbitos moi
sensibles ao labor técnico e político en materia de tempo libre e lecer,
como son: a cultura, o turismo e o deporte. Na súa explicación e
interpretación ponse de manifesto a importancia que teñen estas
prácticas na sociedade contemporánea, como expectativa e vivencia que
"ocupa" o tempo libre dun volume moi salientable de persoas, ata o punto
de seren reconvertidas - non sempre cos mellores logros- en opcións
para un lecer de masas.
• A escolma, sistematización e presentación de “boas prácticas", con que
se ilustra unha parte considerable do discurso teórico, unhas prácticas
en que se recoñece a bondade que xorde da creatividade, a innovación, a
dedicación, a profesionalidade ou a aposta política e técnica por
formas de pensar e facer caracterizadas pola congruencia empática que
debe existir en calquera práctica social que aspire a compatibilizar as
actuacións institucionais coas necesidades da cidadanía. Por número e
calidade, en diferentes concellos e xeografías, son prácticas que
mostran a diversidade que atesoura o lecer como "recurso" e vivencia
cívica.
Para alén das oportunidades de lectura que ofrecen as fontes documentais
e bibliográficas citadas, tamén se presentan unhas concisas referencias
sobre criterios, principios e pautas de actuación neste ámbito pois
estamos convencidos da necesidade de abrirse a liñas de reflexión-acción
que dean novas folgos a esta temática, na vida municipal e co especial
protagonismo que lle corresponde a quen ten atribuídas responsabilidades
técnicas ou políticas nas súas institucións