Presentación de experiencias no Xurés 2026

24 - 04 - 2026

Dende o CEESG estamos a traballar na organización do V Seminario Internacional de Educación Social e V Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social (Xurés 2026), que se celebrarán do 25 ao 27 de setembro de 2026 en Lobios, Ourense.

Neste marco, abrimos o prazo para o envío de comunicacións e experiencias socioeducativas.


Convocatoria para envío de experiencias e comunicacións

Animámosvos a participar presentando experiencias ou comunicacións que contribúan ao intercambio de coñecemento e á construción colectiva de saber profesional.

As propostas deberán enmarcarse nalgunha das seguintes liñas temáticas:

  • Escola, territorio e atención ás diversidades
  • Acompañamento socioeducativo con persoas, familias e comunidades
  • Ámbitos emerxentes da educación social
  • Activismos, resistencias e dinamización rural
  • Acción socioeducativa ante a emerxencia climática

As experiencias e comunicacións aceptadas poderán ser publicadas como capítulo nun libro da Editorial Dykinson (Quartil 1 do Scholarly Publishers Indicators) titulado:
“Buenas prácticas socioeducativas: transferencia de investigaciones y experiencias”.


Envío de resumos

  • Envío a: formacion@ceesg.gal
  • Extensión: entre 250 e 400 palabras.
  • Máximo 4 persoas autoras por comunicación.
  • Cada autor/a poderá participar en ata 2 comunicacións.
  • Prazo de presentación de resumos: ata o 12 de maio de 2026.
  • Prazo de presentación de capítulo de libro (opcional, no caso de ser aceptada): 20 de xullo de 2026.
  • Como mínimo, unha das persoas autoras terá que inscribirse no Seminario.


Sobre o Xurés 2026

O Xurés 2026 configúrase como un espazo de encontro, reflexión e diálogo arredor dos retos actuais da educación e da acción socioeducativa nun contexto global e diverso. Ao longo das súas edicións, este seminario consolidouse como unha cita de referencia para profesionais, investigadoras/es, estudantes e persoas interesadas na transformación social a través da educación.

Nesta quinta edición proponse un programa plural que combina achegas teóricas e experiencias prácticas, favorecendo a análise crítica e o intercambio de coñecementos entre diferentes territorios e realidades. A dimensión internacional do encontro permitirá ampliar miradas e construír pontes entre contextos educativos e sociais diversos.

O seminario aposta por unha educación social comprometida cos dereitos humanos, a inclusión, a xustiza social e o desenvolvemento comunitario, poñendo especial atención nos desafíos contemporáneos que atravesan ás persoas, ás comunidades e ás profesións do ámbito social. Será tamén un espazo para pensar colectivamente, cuestionar prácticas e imaxinar novas respostas educativas desde unha perspectiva queer centrada na inclusión e na participación.

O Parque Natural do Xurés, como territorio de fronteira e encontro, ofrece un marco privilexiado para este diálogo, favorecendo unha experiencia que transcende o académico e incorpora a dimensión humana, cultural e social do lugar.


Este é un primeiro avance do evento. Nas próximas semanas facilitarase información máis detallada sobre o programa e o desenvolvemento deste encontro.

Agardamos contar cunha gran participación.